viernes, 5 de junio de 2015

TURONIA 2015

Este ano participaron no Turonia todo o alumnado de sexto curso do concello de Tomiño.

 A saída comezou o xoves 4 de xuño no colexio de Sobrada. Desde aí saíron cara ao xacemento romano de Currás para camiñar despois ata a antiga escola Unión del Porvenir que se atopa no límite de Taborda e Piñeiro. Esta é unha das tres escolas construídas por emigrantes a principios do século pasado que visitarán os nenos. Alí recibiron unha charla de Xosé Manuel Malheiro, un experto nas das escolas de emigrantes, tema do que xa leva escrito varios libros.

Rematada a visita da escola camiñaron ata o río da Pedra onde xantaron.

Pola tarde visitaron a escola Aurora, tamén construída por emigrantes. Alí recibiron a visita do pintor Mario Rodríguez, fillo de Francisco Rodríguez, un dos fundadores desta escola e que foi asasinado na guerra civil.

Rematada esta visita dirixíronse ao CEP Pedro Caselles, onde cearon, xogaron con escuma, bailaron e durmiron(un pouquiño).

O venres almorzaron e camiñaron ata a terceira das escolas indianas, a Fundación Peirópolis de Estás, alí visitaron a aula museo, onde recibiron explicacións de Manuel Garcés e dos pequenos da aula de Infantil. Despois outra camiñata ata chegar a Figueiró, onde xantaron.
Rematado o xantar un autobús acercounos a Goián onde visitaron a aula-museo Pintor Antonio Fernández.
E despois unha última andaina ata o río Miño, onde agardaban, como xa é tradición, os Teixugos para rematar o Turonia cun paseo en kaiak polo río.